Unha nova xeración na arte galega actual

J.R. Searle (Denver, Colorado, 1932) na súa obra Intentionality, fai referencia á relación da linguaxe coa mente, a través da Intencionalidade; sinala que as expresións verbais motivadas polas crenzas, temores, esperanzas, desexos, alegría, orgullo, pena… son intencionais do mesmo xeito que a expresión corporal e artística. Este concepto vese plasmado na obra das mulleres da Xeración 80, un grupo de artistas que naceron na década de 1980, que cursaron estudos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que actualmente traballan en Galicia.
Os rasgos comúns na súa obra plástica teñen que ver coa volta á figuración, utilizando expresións tradicionais, tais como a pintura, a escultura e o debuxo, ademáis da fotografía, ás que incorporan unha linguaxe actual e técnicas contemporáneas, con características orixinais e únicas, aportando desde un pensamento crítico traballos autorreferenciais vinculados á literatura, como é o caso de María Maquieira e Bea Saa, os referentes artísticos de Alba Fandiño, a reciclaxe en Alejandra Sampedro, a paisaxe urbana e noctuna de Alicia Muñiz, a temática relacionada coa muller e o seu papel na sociedade, claves na obra de Paulova, Gema López, Begoña Mumary e Verónica Vicente ou a fantasía na obra de Anabel Gaudioso.
As artistas da Xeración 80, a pesares da súa xuventude, manteñen unha personalidade e un estilo ben diferenciado que as leva a conformar un proxecto común no panorama artísico galego actual, que recupera a calidade técnica e a sensibilidade estética. 

María Díaz
Araceli Torres
Comisarias da exposición