Coa exposición XERACIÓN 80: a natureza dos estados intencionais da muller iníciase un novo tempo na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura.
Esta fermosa sala quere acoller ás creacións artísticas que neste momento están a realizar persoas novas formadas, na maior parte, na Faculdade de Belas Artes da nosa cidade e que contan xa co aval do recoñecemento ao seu traballo.
Esta exposición colectiva amósanos a obra artística de 10 mulleres que, pola forza das súas creacións, nos fan intuír un gran futuro para as mesmas. Cada unha das artistas, co seu estilo propio e definido, contribúe a conformar un conxunto expositivo que abarca a pintura, a escultura, as artes audiovisuais e a performance e que axudará a achegarnos a unha parte importante das especialidades das Belas Artes.
Ser muller e ser artista, segue a constituír nestes comezos do século XXI, un grande reto para obter o recoñecemento merecido. Polo tanto, dende a Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra nos propoñemos traballar para que as barreiras e prexuízos que aínda poidan existir neste eido poidan superarse de xeito definitivo.
Anxos Riveiro
Concelleira de Cultura